Proxecto

Esta web é parte da tese de doutoramento «Espazo lido e espazo representado nas Cantigas de Santa María. Unha nova aproximación» de Manuel Magán Abollo, inscrita no Programa de Doutoramento «Estudos Medievais» da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por Elvira Fidalgo Francisco (USC) e María Victoria Chico Picaza (UCM) e depositada no ano 2023. Aquí pódense encontrar mapas, gráficos e, principalmente, unha extensa base de datos onde se clasifican as Cantigas, as iluminuras e os lugares das mesmas. O corpus textual da tese complementa esta ferramenta web.

Este proxecto é un work in progress continuo, xa que confiamos en ir mellorando e ampliando esta web co paso do tempo. Actualmente, contamos con dous obxectivos principais: por un lado, completar e mellorar os datos que ofrecemos e, por outro, reescribir a estrutura da web para facela máis eficiente. Así, aínda estamos lonxe de acadar a versión final deste proxecto.

Tese de doutoramento

A finalidade desta tese de doutoramento é o estudo do espazo presente nos textos e nas iluminuras das Cantigas de Santa María de Afonso X «O Sabio», unha colección de máis de 400 composicións poéticas medievais, acompañadas de imaxes e música e dedicadas á loanza da Virxe María.

O noso traballo estrutúrase en dúas partes: por unha banda, a compoñente escrita e, por outra, a ferramenta web www.oslugaresdascantigas.gal, cara a onde esta encamiñada esta tese. Na primeira parte lévanse a cabo diferentes análises acerca da configuración do espazo artístico e literario mediante os elementos que o representan, como a súa descrición textual, a súa representación gráfica ou a xeografía que se percibe a través de ambos aspectos. No portal web pódese encontrar unha extensa base de datos que recolle clasificacións das Cantigas de Santa María, dos lugares mencionados nos seus textos e das súas iluminuras a partir da análise do espazo e da súa xeografía. Ademais, están presentes tamén mapas e gráficos, resultado do estudo realizado.

A través dun enfoque multidisciplinar, inspirado nos traballos derivados do Spatial Turn e que combina estudos literarios, artísticos e novas tecnoloxías, pretendemos realizar unha nova achega ás Cantigas de Santa María, coa que enriquecer o coñecemento da obra e resaltar a súa importancia na literatura e arte medievais, proporcionando, na medida do posíbel, novas perspectivas e, sobre todo, unha novidosa ferramenta para o seu estudo.

Ligazón ao PDF da tese: Proximamente.

Como citar

Magán Abollo, Manuel (2023-), Os lugares das Cantigas [base de datos en liña], https://www.oslugaresdascantigas.gal [data de consulta]

Agradecementos

Agradecemos especialmente a revisión da web de Lucía Magán e de Alba Soneira, quen tamén axudou na toma de fotografías dos manuscritos. Sumamos a estes agradecementos todos os xa expresados no documento da tese de doutoramento.

Autor

Manuel Magán Abollo (Teis, Galiza, 1992) realiza a súa tese de doutoramento na Universidade de Compostela, baixo o programa de Estudos Medievais e a dirección de Elvira Fidalgo Francisco (Universidade de Santiago de Compostela, USC) e María Victoria Chico Picaza (Universidad Complutense de Madrid, UCM).

É graduado en Historia da Arte pola USC, onde tamén completou os mestrados en Estudos Medievais e Profesorado de Secundaria. En 2016 cursou na UNED o programa en Humanidades dixitais e desde 2022 estuda un Ciclo Superior de Desenvolvemento de aplicacións informáticas.

En 2016 recibiu unha axuda para a Formación de Profeserado Universitario (FPU) e iniciou a súa tese na UCM, que a partir de 2018 continuou na USC. Colaborou na docencia en ambos centros, participando en materias relacionadas coa arte medieval, islámica, as técnicas artísticas e, principalmente, coa relación entre literatura e arte no mundo antigo e medieval. Ademais, ten feito estadías docentes breves nas universidades de Cork e Helsinki.

En 2017 realizou a primeira das súas estadías investigadoras de máis de tres meses no Warburg Institute de Londres e, entre 2020 e 2021 dividiu por mor da COVID-19 a súa estadía no Instituto de Estudos Medievais na Universidade Nova de Lisboa.

Curriculum Vitae Normalizado

FECYT

ORCID

LinkedIn