Presentamos unha mostra da clasificación das iluminuras das Cantigas de Santa María a través de criterios como os elementos visíbeis dentro das mesmas, as localizacións ou o estado en que foron conservadas. Esta tarefa non formaba parte do proxecto inicial da tese de doutoramento e por este motivo aínda non foi completada. Con todo, entendeuse que grazas ao traballo xa realizado sería sinxelo facer unha proposta de clasificación de imaxes, das que xa moitas usuarias poderán sacar proveito.
A pesar de que esta base de datos pretende servir para afondar no coñecemento do pequeno grupo de imaxes que a conforman, a súa función principal polo momento é outra: iniciar unha reflexión en torno á catalogación de iluminuras, nomeadamente ás de códices medievais e das CSM. Por isto, convidamos a calquera persoa interesada no proxecto a propoñer diferentes solucións, engadidos ou correccións á base de datos que presentamos ou, simplemente, reflexionar en torno a como crear unha clasificación de imaxes medievais útil para as CSM e para outros casos semellantes.