Inicio Cantigas de Santa María Manual de busca de CSM

Manual de busca de CSM

A base de datos de referencia das Cantigas de Santa María debe diferenciarse daqueles que clasifican iluminuras ou lugares. Nesta entendemos cada CSM como un elemento en si mesmo, definido polo número da cantiga ou o incipit, entre outras características.

Información xeral

Estrutura básica

Neste proxecto almacénanse diferentes tipos de información que podemos dividir entre «elementos» e «atributos». Os primeiros corresponden a aquilo que podemos procurar e que, por tanto, posúe o seu propio buscador: Cantigas de Santa María, iluminuras das CSM, lugares das CSM, fontes das CSM, lugares do Itinerario afonsino, etc. Cada un destes chamados «elementos» é complementado por diferentes atributos, algúns deles (como os «lugares») compartidos entre varias.

Así, por exemplo, o elemento «CSM 10» recibe a información «Loor» do atributo «Tipo CSM» ou «Rosa das rosas e Fror das frores» do atributo «Incipit». Neste exemplo, a devandita CSM non recibe nada do atributo «Lugares», xa que esta cantiga non menciona ningún no seu texto.

Emprego da base de datos

Funcionamento do formulario de buscas

A base de datos funciona cun sistema de procura con resultados automáticos, xa que se mostran mentres se escribe. Deste modo, tanto cada unha das caixas de busca, como os resultados finais, son actualizados a medida que se vai realizando a consulta.

Nas caixas de busca aparece un menú despregábel cada vez que se fai clic nel. Ao escribir, as posibilidades deste menú van axustándose ao texto introducido. Á dereita de cada opción, entre parénteses, observarase o número de resultados que se poderían obter facendo clic nese elemento. Debido a que a pesquisa é actualizada automaticamente, os posíbeis resultados de cada caixa tamén variarán. Así, por exemplo, se en «Tipo de CSM» marcamos «Loor», o apartado dedicado a escoller directamente o número da cantiga soamente mostrará aquelas acabadas en 0.

En case todas as caixas é posíbel seleccionar varias opcións á vez. Para facelo, despois de escoller a primeira, simplemente débese repetir o proceso para a segunda. Os elementos funcionan a través do criterio «e» (and, en inglés). É dicir, que se se seleccionan 2 atributos, aparecerán os resultados que coincidan con ambos, non con un ou con outro. Como consecuencia disto, a lista de resultados será limitada se optamos por seleccionar varias opcións de busca.

Os resultados que devolverá o noso filtrado serán actualizados automaticamente e variarán cada vez que se introduza un novo valor. É por isto que non hai un botón para «buscar» e soamente apareza ao final aquel que permite «reiniciar» a pesquisa. Clicando neste estaremos eliminando todos os valores introducidos nas caixas e facendo que os resultados mostren todos os resultados arquivados na base de datos.

Como procurar varios atributos á vez

Usando un equipo de escritorio pódese buscar a través de varios atributos á vez facendo clic no primeiro e máis tarde no segundo. Entre un e outro decorrerán os segundos que os resultados tarden en actualizarse. Para eliminar calquera das opcións seleccionadas débese clicar enriba do × situado á dereita de cada valor.

En xeral, pódese seleccionar tantos atributos e valores como se desexe, aínda que tendo en conta o explicado anteriormente, non sempre é recomendábel, xa que axustar demasiado os parámetros da pesquisa podería provocar que non se obtivesen resultados.

En caso de acceder a través de dispositivos móbiles, a visualización pode variar segundo o sistema e o navegador, aínda que habitualmente logo de facer clic no campo de busca aparecerá unha xanela emerxente onde poderemos seleccionar os valores desexados.

A procura múltiple dentro dun mesmo campo non sempre está dispoñíbel por criterios lóxicos.

Atributos xerárquicos

Algúns atributos, como os «Lugares» son xerárquicos, é dicir, que pertencen a outros superiores. Nos formularios de procura, pódese seleccionar o elemento superior na xerarquía e, deste modo, indicar que se desexa procurar en todos os niveis inferiores. Así, ao seleccionar España, obteranse os resultados de Toledo, Sevilla ou toda a actual Castela e León, por exemplo.

Atributos das CSM

Numeración

Numeramos as CSM segundo a proposta de Walter Mettmann (Castalia, 1986) e Parkinson (sendo a Intitulatio e o Prólogo as CSM 428 e 429), a pesar de que tamén indicamos o número en cadanseus manuscritos. Para isto, indicamos primeiro o código que identifica o códice xunto cun guión (excepto para To) e o número en formato de tres cifras.

Lugares

A pesar de que contamos cunha base de datos dedicada aos lugares mencionados nas CSM, nesta sección entendémolos como información complementaria. Así, mentres que na outra base de datos procuramos lugares, aquí podemos procurar cantigas a partir das súas localizacións.

Como xa se explicou, os lugares son atributos xerárquicos. Entre os valores posíbeis podemos encontrar espazos non xeográficos (como o ceo o inferno), espazos xenéricos (casas ou palacios), accidentes xeográficos, rexións e localidades.

Viaxe

Este atributo, en probas, permitiría seleccionar soamente aquelas cantigas nas que se produza algún tipo de viaxe, como unha peregrinación, por exemplo.

Tema segundo Filgueira Valverde

Este atributo, en probas, importaría á base de datos a clasificación temática das CSM presentada por Filgueira Valverde na súa edición de T.I.1. (Castalia, 1992).

Afonso narrador da cantiga

Este atributo, tamén en probas, amosaría aquelas CSM nas que Afonso X se presenta como o narrador do milagre.

Outros

Ademais, existen outros atributos que non precisamos explicación e que simplemente mencionamos: o incipit, a rúbrica, o tipo de cantiga, os manuscritos aos que pertence, os folios onde se atopa, o número de miniaturas ou as imaxes anexas.

Erros e contacto