Xa fica dispoñíbel na web a razón de ser deste proxecto: a base de datos e os mapas dos lugares mencionados nas Cantigas de Santa María.

Nesta sección presentamos a base de datos, mapas e análises sobre cada un dos lugares mencionados en cada cantiga. Para cada un deles, analizamos a súa correspondencia coa percepción xeográfica actual, o seu valor e funcións dentro do relato ao que pertence, a tipoloxía de lugar ou a súa pertenza a unha viaxe, entre outras características.

Recomendamos especialmente a lectura do Manual de uso da ferramenta, xa que o tipo de clasificación realizada responde a múltiples criterios creados especificamente para este proxecto ou importados doutros provenientes de diferentes iniciativas da Xeografía literaria contemporánea.

Na versión actual aínda faltan algunhas funcións que se incorporarán no futuro, como aquelas que serven para medir a relevancia real do lugar na CSM, analizando (por exemplo) se é empregado como un recurso rítmico ou un campo a modo de semáforo que terá en conta isto ou a función narrativa do lugar en cadansúa cantiga. Tampouco se incorpora aínda información relacionada con territorios especiais ou de límites máis incertos, como Ultramar. Estas actualizacións realizaranse pronto.

Sexa como for, a base do datos xa está dispoñíbel e funciona de xeito estábel, amosando 1398 lugares de cada cantiga, que suman un total de aproximadamente 500 localizacións diferentes.