Inicio Itinerario afonsino Emprego da base de datos do Itinerario afonsino

Emprego da base de datos do Itinerario afonsino

En construción

Esta base de datos é soamente un bosquexo, aínda moi distante do que será a súa versión definitiva.

Esta base de datos clasifica os «Lugares do Itinerario afonsino», aqueles nos que está documentada a presenza de Afonso X; ben sexa por datos históricos que nos permiten coñecer este feito ou ben por documentación real que acredite a súa presenza alí.

A pesar de todo, esta base de datos non clasifica exactamente os lugares nos que estivo Afonso X, senón as diferentes estadías do Itinerario afonsino. Explicado doutro modo: sabemos que a principios de 1262 Afonso X chegou a Niebla, que de alí partiu para Sevilla onde permaneceu uns meses, visitou brevemente Jaén e logo volveu á actual capital andaluza. Na base de datos clasificaremos a súa presenza en Niebla e Jaén neste ano e dúas veces a súa estadía en Sevilla, tendo en conta as datas de chegada e partida de cada lugar. Así, os resultados para este ano na base de datos serán: «Niebla-1262», «Sevilla-1262 (1)», «Jaén-1262» e «Sevilla-1262 (2)».

Emprego xeral dos formularios da web

Funcionamento do formulario de buscas

A base de datos funciona cun sistema de procura con resultados automáticos, xa que se mostran mentres se escribe. Deste modo, tanto cada unha das caixas de busca, como os resultados finais, son actualizados a medida que se vai realizando a consulta.

Nas caixas de busca aparece un menú despregábel cada vez que se fai clic nel. Ao escribir, as posibilidades deste menú van axustándose ao texto introducido. Á dereita de cada opción, entre parénteses, observarase o número de resultados que se poderían obter facendo clic nese elemento. Debido a que a pesquisa é actualizada automaticamente, os posíbeis resultados de cada caixa tamén variarán. Así, por exemplo, se en «Tipo de CSM» marcamos «Loor», o apartado dedicado a escoller directamente o número da cantiga soamente mostrará aquelas acabadas en 0.

En case todas as caixas é posíbel seleccionar varias opcións á vez. Para facelo, despois de escoller a primeira, simplemente débese repetir o proceso para a segunda. Os elementos funcionan a través do criterio «e» (and, en inglés). É dicir, que se se seleccionan 2 atributos, aparecerán os resultados que coincidan con ambos, non con un ou con outro. Como consecuencia disto, a lista de resultados será limitada se optamos por seleccionar varias opcións de busca.

Os resultados que devolverá o noso filtrado serán actualizados automaticamente e variarán cada vez que se introduza un novo valor. É por isto que non hai un botón para «buscar» e soamente apareza ao final aquel que permite «reiniciar» a pesquisa. Clicando neste estaremos eliminando todos os valores introducidos nas caixas e facendo que os resultados mostren todos os resultados arquivados na base de datos.

Como procurar varios atributos á vez

Usando un equipo de escritorio pódese buscar a través de varios atributos á vez facendo clic no primeiro e máis tarde no segundo. Entre un e outro decorrerán os segundos que os resultados tarden en actualizarse. Para eliminar calquera das opcións seleccionadas débese clicar enriba do × situado á dereita de cada valor.

En xeral, pódese seleccionar tantos atributos e valores como se desexe, aínda que tendo en conta o explicado anteriormente, non sempre é recomendábel, xa que axustar demasiado os parámetros da pesquisa podería provocar que non se obtivesen resultados.

En caso de acceder a través de dispositivos móbiles, a visualización pode variar segundo o sistema e o navegador, aínda que habitualmente logo de facer clic no campo de busca aparecerá unha xanela emerxente onde poderemos seleccionar os valores desexados.

A procura múltiple dentro dun mesmo campo non sempre está dispoñíbel por criterios lóxicos.

Atributos xerárquicos

Algúns atributos, como os «Lugares» son xerárquicos, é dicir, que pertencen a outros superiores. Nos formularios de procura, pódese seleccionar o elemento superior na xerarquía e, deste modo, indicar que se desexa procurar en todos os niveis inferiores. Así, ao seleccionar España, obteranse os resultados de Toledo, Sevilla ou toda a actual Castela e León, por exemplo.

Información xeral

Estrutura básica

As bases de datos deste proxecto almacenan diferentes tipos de información que podemos dividir entre «elementos» e «atributos». Os primeiros corresponden a aquilo que podemos procurar e que, por tanto, posúe o seu propio buscador: Cantigas de Santa María, iluminuras das CSM, lugares das CSM, fontes das CSM, lugares do Itinerario afonsino, etc. Cada un destes chamados «elementos» é complementado por diferentes atributos, algúns deles (como os «lugares») compartidos entre varias.

Así, por exemplo, o elemento «CSM 10» recibe a información «Loor» do atributo «Tipo CSM» ou «Rosa das rosas e Fror das frores» de «Incipit». Neste exemplo, a devandita CSM non recibe nada do atributo «Lugares», xa que esta cantiga non menciona ningún no seu texto.

O Itinerario afonsino

Tendo en conta a explicación da estrutura básica da base de datos, entendemos que os «elementos» son cada unha das estadías realizadas por Afonso X e os atributos son aqueles datos arredor desta información: data de chegada, de partida, o tempo que pasou no lugar ou a localización actual exacta na que estivo. Como se pode entender, algúns destes «atributos» poden sen compartidos. Por exemplo, Niebla-1261 e Niebla-1262, comparten o atributo de localización, Niebla, a pesar de que se diferencien noutros relativos ao tempo.

Atributos do Itinerario afonsino

Datas de chegada e partida

Tomamos por data de chegada a primeira vez na que nun lugar aparece documentada a presenza de Afonso X e por data de partida a última proba datábel dunha estadía continuada no mesmo sitio. Con todo, debemos tratar estes datos coa máxima cautela, xa que non sempre son exactos. Alén da posibilidade de erros propios da documentación, a introdución de datos nas táboas informáticas tamén induce a moitos problemas.

Para poder aproximarnos a unha visión achegada á realidade, a base de datos exixe a introdución de información relacionada coa chegada e partida, mais estas non sempre se coñecen. Para resolver isto, optouse por introducir valores aproximados. Así, se sabemos que o monarca chegou ao lugar A o día 1 e ao lugar B o día 5, sen pasar por ningún lugar no medio, diremos que estivo en A entre os días 1 e 4.

Como resultado da resta entre a data de partida e a de chegada obtemos o valor do tempo transcorrido que, como podemos entender, tamén é aproximado. Naqueles casos nos que se asuma deste xeito a estadía nun lugar, indicaremos que estamos ante información aproximada dentro do campo «veracidade».

Somos conscientes da problemática que introduce esta decisión. Por iso, provisionalmente, indicamos cando se a información carece de veracidade. Do mesmo modo, seguimos na procura de maneiras de corrixir este problema. Con todo, insistimos en que estamos ante un bosquexo provisionalmente público, sobre o que se desexa traballar e obter feedback e non ante unha versión definitiva e nin sequera achegada a un estadio avanzado da mesma.

Tipos de lugar

Este atributo permite diferenciar diferentes clases de lugares que, a nivel xeral, diferenciamos entre «Accidentes xeográficos», «Edificios», «Localidades», «Rexións» e «Espazos non xeográficos», que se refiren a aqueles que —desde unha perspectiva contemporánea— entendemos que non se atopan na Terra, como o Ceo ou o Inferno.

Cada tipoloxía de lugar ten diversos subatributos, como «Masa de auga» ou «Elevación do terreo» para o caso dos accidentes xeográficos. Ao deslizar o cursor por riba do nome de cada tipoloxía a base de datos amosará información complementaria e xenérica sobre cada un. Caso de acceder empregando dispositivos táctiles sen lapis de proximidade, bastará con premer enriba do atributo para obter esta explicación.

Erros e contacto

Posíbeis problemas

Esperamos que teñan en conta que o Itinerario presentado é aínda un bosquexo da idea final, que necesita moitas correccións e melloras. Por isto, agardamos que sexan pacientes e comprendan os posíbeis erros que poidan atopar.