Xa está dispoñíbel na web a primeira versión da base de datos e os mapas do Itinerario Afonsino, que se poden consultar accedendo á sección do mesmo nome a través do menú “Máis” o da seguinte ligazón https://oslugaresdascantigas.gal/itinerarioafonsino/.

O que presentamos é soamente un bosquexo da iniciativa que espera cartografar e clasificar os lugares nos que está documentada ou comprobada a de feitos históricos a presenza de Afonso X. Con todo, xa está dispoñíbel para a súa consulta, incluíndo 380 lugares diferentes, aos que esperamos sumar, no futuro, aqueles propios dos primeiros anos de vida do rei «sabio».

Un dos obxectivos de informatizar o traballo de Ballesteros y Beretta, González Jiménez e Carmona Ruiz é facilitar a súa difusión e permitir buscas máis rápidas. Por outra banda, a creación da base de datos e dos subsecuentes mapas, fai que sexa sinxelo tratas estes datos de xeito comparado. Deste modo, por exemplo, podemos presentar o mapa do itinerario afonsino superposto co dos lugares das CSM.

Xa que se trata aínda dun bosquexo, a clasificación dos lugares na base de datos non é tan detallada como esperamos que sexa no futuro e, en consecuencia, os formularios de busca aínda non son tan completos como desexamos. En canto sexa posíbel, confiamos en facilitar a busca por datas (facéndoa máis sinxela e máis completa), incluír ligazóns ás fontes bibliográficas desde cada lugar, aumentar o número de mapas randerizados ou mellorar a visualización xeral dos mapas interactivos, facéndoos máis rápido e máis fáciles de empregar.

Por outra banda, debido a que clasificamos as estadías e non os lugares nos que estivo no seu conxunto, no futuro confiamos en facilitar outro modo de acceder a información, permitindo que ao seleccionar un lugar, por exemplo Sevilla, sexa posíbel acceder a cada unha das estadías na cidade andaluza ou, por outra banda, que nunha mesma páxina apareza a información de cada unha das veces que visitou esta cidade, con datas de chegada, saída e tempo aproximado de estancia.