As Cantigas de Santa María son un conxunto de 429 cantos en galego dedicados a loar e contar milagres da Virxe. Foron promovidos polo rei Afonso X e acompañados, ao longo dos manuscritos nos que as conservamos, por marabillosas iluminuras e notación musical. A súa riqueza ten permitido que fosen obxecto de multitude de análises, a través das que coñecer mellor a sociedade, a arte ou a política do seu tempo, o século XIII.
A xeografía e o tratamento do espazo proposto nas Cantigas de Santa María é unha das múltiples características que fan delas unha obra única. Este proxecto pretende ser unha ferramenta para achegarse aos lugares, ás cidades e á arquitectura das Cantigas, ben sexa a través dos seus textos ou das súas imaxes. Mediante mapas e bases de datos este portal permitirá recorrer a xeografía dos milagres e da vida de Afonso X.