Fica activa na páxina web a base de datos que cataloga información de referencia sobre as Cantigas de Santa María. Este traballo servirá como alicerce da maioría de iniciativas deste proxecto, xa que a este recurso e desde este mesmo será posíbel explorar as iluminuras, as fontes e os lugares da devandita obra afonsina.

A base de datos presentada contén datos do corpus completo das CSM. Entre estes, inclúense tipoloxía de cantiga, incipit, códices e numeración segundo diferentes criterios e orde de manuscritos. Ademais, na primeira versión da base de datos, engadimos nas primeiras CSM fotografías de T.I.1, a rúbrica ou a temática atribuída por Filgueira Valverde.

Unha vez se publiquen outras bases de datos, cada cantiga contará con información referente ás súas fontes literarias, as iluminuras ou os lugares e as viaxes contidos no texto.

Para saber máis sobre o funcionamento desta base de datos, recomendamos a consulta do Manual dispoñiblizado na web. Ademais, na portada desta sección, accesíbel desde o menú da web ou da ligazón https://oslugaresdascantigas.gal/cantigasdesantamaria/, incluímos máis información, recursos externos de interese ou unha breve selección bibliográfica útil para a confección da presente ferramenta.