Presentamos un bosquexo da iniciativa que espera cartografar e clasificar os lugares nos que está documentada ou comprobada a través de feitos históricos a presenza de Afonso X «O Sabio». Do mesmo modo que nas outras ideas deste proxecto, compartimos os resultados xeográficos da análise principalmente a través dunha base de datos e mapas.
Un dos obxectivos de informatizar o traballo de Ballesteros y Beretta, González Jiménez e Carmona Ruiz é facilitar a súa difusión e permitir buscas máis rápidas. Por outra banda, a creación da base de datos e dos subsecuentes mapas, fai que sexa sinxelo tratar esta información de xeito comparado. Deste modo, por exemplo, podemos presentar o mapa do itinerario afonsino superposto co dos lugares das CSM.
Esta parte do proxecto non está entre os obxectivos da tese, senón que é unha idea para desenvolver no futuro. O que vostede pode encontrar aquí é soamente unha idea; unha proposta de traballo que pode adoptar outros camiños cando se siga desenvolvendo. Para comprender mellor o que estamos a facer, especialmente no tocante ao formulario de buscas, é conveniente ler detidamente o Manual de uso.